Friday 03 de May de 2024

A Xunta reúne en Noia os axentes e técnicos do operativo de extinción de incendios para mellorar a coordinación e a eficacia na loita contra o lume


 No encontro participou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro
O teatro Noela de Noia acolleu, esta mañá, as xornadas de Coordinación en Emerxencias por Incendios Forestais. Neste encontro participou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro.

A xornada contou con membros dos distintos destacamentos da Garda Civil tanto Rural como de Tráfico, da Policía Autonómica, Agrupacións de Protección Civil, persoal dos Parques de Bombeiros comarcais, Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), bombeiros locais así coma o persoal do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais.

O obxectivo destas xuntanzas é reforzar, a nivel local, a coordinación entre os diferentes organismos e administracións responsables das distintas emerxencias. Neste sentido, o delegado territorial indicou que a experiencia dos diferentes colectivos servirá para mellorar esa coordinación e a eficacia na loita contra o lume. Ademais, destacou que “desde a Xunta de Galicia se están dedicando moitos recursos en materia de formación, que resulta fundamental neste campo”. “En primeiro lugar, recalcou, para garantir a seguridade do persoal, que é o noso principal obxectivo, e tamén para mellorar o servizo”.

Ovidio Rodeiro apuntou que a xornada ten como obxectivo crear un foro cos responsables de SPDCIF, Garda Civil de Tráfico e Seguridade Cidadá e Servizo de Emerxencias, para expoñer cuestións relativas á estrutura, funcionamento e mobilización dos medios que compoñen estes organismos. Así como destacar os aspectos positivos e aquelas melloras a levar a cabo na coordinación de Incendios Forestais de cara a implantalas na campaña de incendios forestais deste ano 2018.

O delegado dixo ademais que esta xornada forma parte da programación de varios encontros destas características que se están organizando na provincia. E animou a todos os asistentes a “trasladar as conclusións e reflexións deste encontro ao ámbito local” e lembrou que a loita contra os lumes é unha tarefa na que as administracións con competencias e toda a sociedade en xeral ten que involucrarse, para previr e minimizar os danos que producen.